Portada

Benvido/a ó blogue sobre o Patrimonio Histórico do IES Lucus Augusti de Lugo.

O blogue está organizado en 3 apartados nos que se agrupan os nosos fondos históricos a partir da súa localización física e temática e que se poden consultar a través da súa navegación. Estes son:

Aquí temos todo o material administrativo do centro ao longo da súa historia. O que se exporá, segundo sexa o caso, poderá ser:

  • Expedientes de profesores ou alumnos relevantes do centro (que, en ocasións, son demandados por investigadores);
  • Memorias históricas do centro, coas que se poden seguir parte da historia do centro;
  • Documentación histórica do centro: informes da súa fundación, memorias económicas, inventarios de material…
  • Fotografías do proceso de construción do centro na década dos anos 50, provenientes do Fondo Vega do Arquivo Histórico Provincial de Lugo.

O Instituto posúe unha gran riqueza bibliográfica, froito da súa antigüidade e das doazóns das bibliotecas particulares dalgúns dos seus profesores máis afamados. O que se vai expor, e que actualmente ten máis avanzada a súa dixitalización, son tres tipos de documentos:

  • Fondo bibliográfico propiamente histórico (é dicir, anterior a 1958, que é cando se establece o Depósito Legal), que consta de máis de 6.300 exemplares. Algúns deles son realmente antigos pois 1 deles é do século XVI, e hai varios XVII e XVIII (obras do pai Feijóo, de Juan Francisco de Castro, de Linneo, ou traducións de obras clásicas en latín e outras linguas). A súa dixitalización é moi custosa en tempo e dificultade e malia haber algún exemplo de libros dixitalizados, aínda son bastante escasos. Está perfectamente catalogada grazas á intervención de Galiciana (Biblioteca Dixital de Galicia).
  • Fondo de publicacións periódicas: é enorme e, este eido, é o que vai máis avanzado. Unha parte delas está dixitalizada en Galiciana, pero a maior parte non.
  • Folletos: son documentos en formato de poucas páxinas que non teñen a entidade de libro. Expóñense dixitalizados algúns que teñen importancia histórica como fonte ou, noutras ocasións, de xeito máis anecdótico.

Tamén hai un fondo museístico importante con pezas de certa antigüidade e valor que proveñen do antigo material didáctico empregado dende finais do XIX até mediados do século XX. Unha gran parte deste material está sendo limpado, restaurado e catalogado e sérvenos para facer, en ocasións, exposicións no propio centro. Así, temos:

  • Colección de cristais coloreados (antecedente das diapositivas), cos seus proxectores que levan nomes tan curiosos como epiadoscopios.
  • Coleccións de materiais de laboratorio: matraces de diferentes formas, campá de baleiro, microscopios…
  • Coleccións de aves, doadas polo profesor Francisco Bernís.
  • Coleccións de minerais.
  • Coleccións de láminas de zooloxía e botánica

O conxunto do sitio está baixo unha licenza Creative Commons 4.0 (pódese ver en que consiste, premento na imaxe). Mais, hai apartados que teñen dereitos de propiedade polo que, en cada artigo, irase indicando a licenza concreta dese artigo.